Aínda que non o pareza, A Caixiña dos Mistos segue a súa andaina polos distintos concellos de Galicia, dende Caldas de Reis ata Ferrol, Ribadeo, pasando por A Pobra, Sanxenxo ou Vilanova de Arousa. Un mes no que levou as súas máxicas peliculiñas por todos estes lares; un mes cheo de ledicia, moita calor, pero sobre todo, moitos de vós, nenos ben guapos, dispostos a gozar das curtas traídas de todo o mundo que proxecta esta caravana. Un mes no que nenos e nenas demostrastes a vosa paixón polo cinema da forma máis didáctica posible. Pais, nais e mesmo irmáns subiron cos cativos á Caixiña dos Mistos para visionar divertidos e multipremiados filmes como La lupe i en Bruno, Pigeon Impossible, Iker Pelos Tiesos ou O Soldadiño de Chumbo. Peliculiñas coas que riron, choraron e cantaron.
E agosto, o mes das vacacións, da praia, o sol e a jarana, levou á Caixiña a Sanxenxo, onde os pequenos abandonaron a praia para vir con nós a ver peliculiñas. Non obstante, os cativos de Vilanova de Arousa, que xa nos agardaban antes de chegar, tampouco quedaron atrás. Unha tarde de sol que non evitou que a caravana abrira as súas portas toda a tarde. Por outra banda, Ferrol contou con máis sorte, e acolleu a caravaniña máxica durante dous días no Porto, dentro do Spinnaker. E ben que se portaron todos os nenos que pasaron por alí, aguantando coa abafante calor e refuxiándose na Caixiña vendo pelis como Malacara y el misterio del bastón de roble.
E ata A Pobra tamén chegou a maxia, facendo que todos os mistiños e mistiñas gozasen dunha divertida tarde o pasado 13 de agosto. E todo hai que dicilo, ¡que ben o pasamos con vós, mistiños!. Xa o sábado, a caravaniña voltou cara Vilagarcía, onde xunto ó trailer de Gadis, recibimos a visita de nenos e nenas que nos fixeron o día máis que divertido.
Pero isto non foi todo, porque os nenos de Ribadeo teñen moi, pero que moi boa sorte, xa que recibiron a visita da Caixiña en Remourelle, case un mes despois de OFestivalON.
No hay comentarios:
Publicar un comentario