martes, 14 de septiembre de 2010

Setembro de cine ’10 en A Coruña




O pasado sábado, A Caixiña dos Mistos chegou á cidade de A Coruña, e desta vez, para quedarse, xa que cada fin de semana de setembro, os nenos da urbe contarán coa presencia da caravana máxica. Xa moi cedo, abriu as súas portas no Parque da Oza para todos aqueles nenos amantes do cine e da diversión. Xunto á Caixiña dos Mistos tamén estivo o Obradoiro de stop-motion en plastilina, ó que acudiron quince nenos. Todos estes tiveron a oportunidade de realizar a súa propia peliculiña, creando os personaxes e recreando o ambiente; unha curta que viron a primeira hora da tarde na Caixiña. Xa que o Obradoiro se realizou na biblioteca de Castrillón, o pequeno cine situouse na praza Pablo Iglesias durante as horas da tarde para levar cine e moitas risas ós cativos desta zona de A Coruña.


E para retratar cada un dos momentos máxicos que se viviron nestes lugares, a fotógrafa coruñesa Xiana de la Peña estivo coa Caixiña dos Mistos. Os nenos, cheos non só de enerxía, senón de ganas de deixar voar a súa creatividade, inundaron as alfombriñas de cores e contemplaron filmes como Pigeon Impossible, O soldadiño de chumbo ou On line.


Non obstante, a ruta deste pequeno cinema continúa, e o domingo desprazouse ata o lugar de Ouzande (A Estrada), onde os nenos xa sabían dende hai un par de semanas que a caravana visitaría as súas terras e estaban ansiosos por cruzar as súas portas. Moita diversión e un agradecemento especial a Xabier de Camba pola súa amabilidade e hospitalidade.

PRÓXIMAS DATAS DE A CAIXIÑA DOS MISTOS:

  • Xoves 16 de setembro: Calo (Teo). De 17 a 20.30 horas.
  • Sábado 18 de setembro: A Coruña (Setembro de Cine ’10).
    • De 12 a 14 horas nos xardíns Méndez Núñez.
    • De 17 a 21 horas no Campo de Marte.
  • Sábado 25 de setembro: A Coruña (Setembro de Cine ’10)
    • De 12 a 14 horas na Praza das Conchiñas
    • De 17 a 21 horas na Praza Elíptica (Os Rosales).

1 comentario: